logob

Tres murallas para tres recintos

As murallas son o elemento visual máis significativo do poboado, de aí que Taboada Chivite as describise admirado: “erguidas e imponentes, como si aún tuvieran vidas y bienes que guardar”. A máis antiga é a que protexe a croa ou recinto superior, que puido levantarse na primeira fase de ocupación do castro (s. VIII-V a.C) apoiándose nos afloramentos naturais existentes. As outras dúas corresponderíanse cun momento posterior, datable entre os séculos II e I a.C.O tipo de aparello utilizado nas murallas é maiormente poligonal, aínda que presenta sectores cun aparello de forma helicoidal.



Tenaces de metalúrxico

Nesta “cidá” aparece probado o traballo do metal a través de lingotes de ferro, chumbo e prata, así como distintos tipos de moldes. Por iso non sorprendeu o achado dunhas tenaces de metalúrxico, documentadas no ano 1985 sobre a muralla da acrópole, nun lugar próximo á entrada, integradas nun depósito –posiblemente ritual– composto por dúas espadas afalcatadas e un pico. Esta aldea fortificada tamén deu a luz potentes cinseiros ao pé da muralla que permiten vinculalos co desenvolvemento dunha actividade artesanal prestixiosa: o traballo do metal. Este oficio non debe estrañar na Cidá da Saceda, próxima a varias minas de estaño, o que puido favorecer a elaboración de útiles de ferro e bronce e mesmo a súa exportación a outras zonas. Isto evidencia que entre os séculos IV e II a.C o ferro estaría ao alcance da práctica totalidade das tribos galaicas.