Igrexa de Sta. Baia
A igrexa parroquial, de estilo barroco, conta con muros de perpiaño e planta rectangular con presbiterio; na fachada dispón unha porta alintelada con molduras no lintel e na parte inferior das xambas; coroa o conxunto unha pequena espadana.
Ao pé do templo parroquial, unha magnífica casa reitoral que aínda conserva unha troneira situada á beira do seu portalón de acceso, labrada para disparar armas de fogo desde o interior. A súa construción foi promovida polos xesuítas, tal e como evidencia unha inscrición (“mandó hacer IHS”) labrada nun dos seus muros. Cómpre recordar que os xesuítas rexentaron durante o século XVI o célebre colexio de Monterrei, que se levantou no lugar que hoxe ocupa o Parador de Turismo.