Lagar do Trugán
A comarca da D.O. Monterrei posúe, ata o momento, o maior número de lagares rupestres de toda Galicia, a moita distancia de calquera outra comarca vitivinícola.
O do Trugán é o único lagar rupestre inacabado da comarca. Foi escavado sobre un grande afloramento granítico de forma irregular que emerxe do chan 1 m aproximadamente. O lagar sitúase nun contexto de varios batólitos, de aí que as distintas partes que o conforman busquen adaptarse á morfoloxía natural do afloramento. O calcatorium ou estanque principal aparece sen perforar, de forma que non existe ningún tipo de conduto que permita decantar o mosto no pío ou lacus, evidencia de que nunca foi rematado.