Peto das ánimas da Xironda
A aldea raiana da Xironda conta con múltiples atractivos. Nas súas proximidades sitúase o castro de a “Cidá de Grou”, un xacemento da Idade de Ferro situado administrativamente en Portugal, pero que ofrece desde a marxe galega o seu mellor punto de observación.
A Xironda, que estivo baixo o dominio do lonxano Mosteiro de Melón durante a Idade Media, conta ademais cunha elegante igrexa parroquial e un extraordinario peto de ánimas de estilo barroco exquisitamente labrado no ángulo dunha nobre casa levantada entre medianeiras no centro da aldea. Baixo a imaxe da Virxe do Carme, da que colgan varios escapularios, consúmense no lume purificador as ánimas pecadoras de, entre outros, un bispo e o mesmísimo papa, identificados coa mitra e a tiara.