A War Hammer
A veciñanza da Saceda conta que os mouros (os habitantes míticos deste territorio na antigüidade) lanzaban un martelo desde A Igrexiña dos Mouros (un posible castro situado na Serra do Larouco) ata a Cidá da Saceda; de aquí volvíano guindar ata O Madorriño. Desde aquí sería lanzado por última vez ata a Cidá de San Millao.
Esta lenda, como todas as lendas, agocha unha parte de verdade:
1. Que os xacementos arqueolóxicos máis destacados sobre o territorio nunca pasaron desapercibidos para a xente, que os dotou de lendas que explicaban de forma mítica a súa orixe e función.
2. O martelo do que fala a lenda quizais teña algo que ver coa mesma ferramenta coa que aparece representado o altorrelevo dunha figura antropomorfa que apareceu na igrexa parroquial de Vilar de Perdizes (Montalegre; Portugal). É posible que se trate dun deus prerromano que exhibe dous atributos que foron moi valorados desde a antigüidade: a virilidade / fertilidade (de aí que sexa representado cun falo de grande tamaño) e a destreza no manexo do martelo de guerra ou da fragua; podería tratarse dunha deidade indíxena galaico-lusitana equivalente ao deus galo-celta Sucellus, o nórdico Thor, o grego Hefesto ou o romano Vulcano.