O primeiro castro
A primeira fase de ocupación deste asentamento ten lugar nos inicios da Idade do Ferro (s.VIII-V a.C). A esta etapa pertencen unha grande cantidade de sementes, madeiras carbonizadas, ramas e barro procedente das paredes das cabanas levantadas polos seus habitantes, naquela altura construídas con materiais perecedoiros. Levantáronse directamente sobre os afloramentos graníticos da croa, a plataforma máis elevada do xacemento. Xunto a estes materiais, un broche de cinto e unha doa oculada púnica situarían a fin do primeiro poboado arredor do s. V a.C.