logob

A porta norte

Das tres portas que posúe A Cidá da Saceda, a situada no sector noroeste é a máis monumental, xa que aparece flanqueada por dúas torres en forma de proa de barco. Unha delas aparece protexida por un corpo rectangular situado na cara interior da muralla. Este tipo de accesos, coñecidos como portas en clavícula ou oblicuas, obríganos a acceder ao interior do recinto de forma indirecta, o que permitía reforzar a defensa do castro desde o seu interior. A porta conta cun firme lousado a través dunha calzada que penetra no recinto. Este recinto murado é o meirande dos tres cos que conta o castro da Saceda. Fóra desta muralla tamén se documentaron cabanas petrificadas e restos de tegula, o que evidencia que arredor dela se levantou un vicus ou aldea romanizada que carecía de defensas colosais. A monumentalización das portas dos castros busca unha dobre finalidade: dificultar o acceso violento ao poboado e engrandecer a súa entrada, ofrecendo cara o exterior unha imaxe de vigor e fortaleza da comunidade que o habita.



Restos atopados

No contorno desta porta atopáronse múltiples restos cerámicos, de pasta vítrea e metálicos, algúns deles procedentes, sen dúbida, dos recintos superiores, desde onde chegaron aquí por causa da gravidade e do arrastre da auga de chuvia. Mención aparte merece unha punta palmela datable na Idade do Bronce (2.000 a.C) que fixo de remate metálico dunha lanza ou xavelina de madeira, o que fai dela a peza metálica máis antiga documentada no castro. Os utensilios de ferro e bronce representan o 95% do total das pezas metálicas atopadas no xacemento. Entre os materiais exhumados na campaña de 1982 atopamos: • Unha doa oculada de pasta vítrea de orixe púnica (Cartago; África) que formou parte dun colar ornamental. • Un alfinete de bronce datable entre o s. I e II d.C. que evidencia a necesidade de fixar a posición social do individuo, neste caso, unha muller, dentro da comunidade.